Monday 29 de April de 2024

A Policía Autonómica identifica aos responsables da captura de 143 troitas en ríos da provincia da Coruña tras difundir os autores un vídeo dos feitos nas redes sociais


Os axentes impuxeron proposta de sanción as dúas persoas responsables da captura debido a que a maioría dos exemplares non acadaban o talle mínimo esixido pola normativa

A Policía Autonómica vén de identificar a dúas persoas que nas redes sociais difundiron imaxes da captura de 143 troitas sen respectar os talles permitidos.

Axentes da xefatura da Policía Autonómica en Santiago de Compostela iniciaron a investigación tras ter coñecemento o pasado 10 de abril, a través de multitude de denuncias anónimas , da difusión dun vídeo nas redes sociais, na que se observa a unha persoa collendo troitas nun lavadoiro, mentres que a que realiza a gravación as vai contando ata acadar a cifra de 143. O vídeo tivo repercusión a nivel nacional tanto nas distintas redes sociais como en medios especializados neste ámbito.

Tras as pescudas realizadas, a Policía Autonómica esclareceu a autoría das persoas autoras do vídeo procedentes do lugar de Sigüeiro do concello coruñés de Oroso, ás que se lles tomou declaración e que recoñeceron ser responsables da captura de 143 troitas en ríos da provincia da Coruña. Tendo en conta que a maioría dos exemplares non acadaban o talle mínimo esixido, os axentes propuxeron a ambos para sanción ante a Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña.